Localización. A Acea, Outeiro do Castro na Parroquia de Santo Estevo de Ambía.
Tipo de monumento. Monumento residencial e defensivo. De interese histórico, paisaxístico, etnográfico.
Datación. Indeterminada. Idade do Ferro: 1000 a 500 a.C.
Descrición
Trátase dun xacemento castrexo de forma elíptica (190 x 150 m.), que está emprazado nun outeiro cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia. Na superficie atopáronse anacos cerámicos de cor escura.
A súa parte superior, chamada coroa, é aplanada e presenta tres diferentes niveis de altura, que se corresponden normalmente con diferentes usos de actividade humana, ademais da función común, a defensiva. A coroa superior está protexida por unha muralla de pedra miúda cunha altura de cinco metros no punto máis alto e rodeada por un noiro. Polo sur soamente se poden observar un noiro e un foxo.
Os camiños próximos están feitos con paredes de pedras con perpiaños moi traballados, impropios dunha zona afastada das zonas habitadas, polo que se supón que son pedras reaproveitadas do castro.
Pola zona atópanse varios petróglifos de tipoloxía abstracta: coviñas. Case no centro ten unha marca de termo formada por un triángulo cunha pequena pía interior.
Como curiosidade cabe sinalar que é marca divisoria entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía.
Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia.