Localización. Monte Medo. Parroquia de San Xoán de Vide.
Tipo de monumento. Relixioso. De interese: arquitectónico, histórico-artístico, relixioso, etnográfico e paisaxístico.
Datación. Inicio e finalización da construción actual: 1731-1768. Anteriores construcións relixiosas: século IX e século XV.
Descrición
O Monte Medo sitúase no medio dunha chaira ao pé da Serra de San Mamede.
O santuario é de estilo barroco-neoclásico e está arrodeado dun muro sobre o que se abren catro portas de acceso ao recinto. A fachada semella un retablo pétreo xigante, como avance en pequeno da fachada do Obradoiro na Catedral de Santiago de Compostela (sete anos antes que o de Compostela), coa súa balconada e altar, prevista para celebracións multitudinarias.
No exterior do recinto atópanse sete capelas do viacrucis equidistantes entre si, e na parte traseira atópase A Carballa dos Milagres, xunto á Fonte da Virxe, lugar onde se cre que se situaba a primeira ermida adicada á Santa ou á Virxe durante o século IX.
Se entramos no recinto dende a porta traseira, atopámonos cos restos da lanterna do anterior templo, tamén barroco do século XVII e, cara á parte dianteira por este mesmo lateral do templo, vemos o Cruceiro da Piedade, con orixe no século XVI e reformado e decorado nos séculos XVIII e XIX.
Desde o século XIX, o Santuario, está rexentado pola congregación dos Padres Paúis.
En toda Galiza, norte de Portugal e, polo xeral, no noroeste peninsular, festéxase e recoñécese a novena da Virxe que ten lugar entre finais de agosto e ata o 8 de setembro. Durante estes días o santuario está ateigado de fieis e postos feirantes, e podemos gozar dunha auténtica romaría popular: festiva e relixiosa de gran tradición.
Catalogación Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia. Declarado Monumento Histórico Artístico Nacional en 1982.
Pode obterse máis información na web do propio santuario: http://www.santuariomilagros.com/
Un lugar cheo de espiritualidade nun entorno paisaxístico maravilloso. Viva a Nosa Señora dos Milagros