Pedra exenta irregular que formaba parte da parede de peche dunha poula preto do pobo de Bouzas, duns 65cm de largo por 40cm de ancho e case 30cm de espesor. Nunha das súas caras ten gravados con sucos bastante profundos, cinco círculos concéntricos interrompidos por algún suco atravesando dende o centro cara ó exterior, e pequenas cazoletas no centro. Foi atopada casualmente por unha traballadora do concello, dando un paseo pola zona. Foi comunicado a Patrimonio o seu achádeo e o perigo de que ó ser unha pedra exenta, que entre dúas persoas a poden mover facilmente, podería ser roubada. Algo que finalmente ocorreu, pero de alí a uns meses volveu aparecer. Agora permanece gardado na capela de Bouzas. Fonte: José Antonio Gavilanes, en www.patrimoniogalego.net
Alquerque de 9 que posúe a forma tradicional que os caracteriza, os tres cadrados concéntricos e as liñas rectas que unen os seus lados nun punto intermedio. Durante anos creuse que era unha marca de termo, a división entre as parroquias de Ambía e a de Poedo, isto foi por unha mala interpretación da gravura. Definiuse como un círculo con coviña interior, dentro de dous cadrados, posiblemente polo erosionado do suco e rudimentario do seu trazado. Atopámolo gravado no Penedo da Demarcación, unha laxe de uns 10 x 12m sito no Monte da Grama, a non moitos centenares de metros onde estivo a torre dos Ambía, o que nos fai crer na súa datación medieval Fonte: José Antonio Gavilanes, en www.patrimoniogalego.net
Baños de Molgas
Portada de acceso a un patio, formada por unha porta carral, feita en muro de perpiaño de granito, a cal ten un lintel ca seguinte lenda “HS MARIA I JOSE AÑO DE 1766”, sobre o que se asenta unha moldura horizontal. No cumio ten dous pináculos laterais de pedra de sección cadrada, no centro situase unha fornela con imaxe do Santo Cristo de Forcheira, protexido con cristal no frontal. Esta porta está adosada a un edificio de planta rectangular, con muros de pedra e linteis nos ocos das portas e ventás, con cuberta de tella, que foi casa grande de Marzás.
Marzás, Baños de Molgas
Igrexa parroquial de Ambía. Orixe renacentista: 1565. A riqueza e importancia desta igrexa pódese comprobar vendo as obras de arte no interior: Retablo do altar datado na mesma cronoloxía que a orixe da igrexa e o conxunto de trabes de madeira labrada do teito. Ambía, como territorio parroquial, foi un dos lugares máis importantes das terras de Ourense ao longo de toda a Idade Media; atopamos monumentos e lugares de moito interés histórico e monumental: Suatorre, Santa Eufemia de Ambía, O Pazo, Vilameá, etc
Baños de Molgas
Situada no mesmo pobo de Molgas; percorre aproximadamente setecentos metros, pola ribera do río Arnoia, dende a Ponte Vella, pasando polo Camiño do Pozo da Grade e a Travesía Ricardo. Unha regalía refrescante para o noso corpo.
baños de molgas
Nesta vivenda, aprobeitouse o poste dun antigo cruceiro coma columna para soster o tellado sobre o patín dianteiro da casa. Canzorros decorados De orixe incerta, semellan formas decorativas propias da Baixa Idade Media. Nunha das trabes que forma o canzorro baixo o balcón aparece unha flor (hai que di, de influencia xudea) e na outra trabe aparece unha faciana (que xa non formaría parte dunha tradición relixiosa, se non pagana e popular)
Baños de Molgas
Preto do pobo de Santa Eufemia, entre unha carballeira, aparece unha peneda illada na que se poden ver un bo número de cazoletas dun tamaño bastante igualado, entre 5 e 8 centímetros e unha profundidade ben marcada. Aparecen estalladas pola rocha, sen ningún orde aparente, nin orientadas nin aliñadas. A uns 20 metros aparece unha laxa con algunha cazoleta e acanaladura, pero moi desgastada, apenas se adiviña. Non moi lonxe desta peneda podemos observar outro petróglifo, un dos máis rechamantes do concello de Molgas. Nel aprécianse moitas cazoletas e algún suco, aínda que todo moi desgastado. A peneda está a ras do chan, posiblemente limpando a terra circundante se puidera atopar algo máis. Fonte: José Antonio Gavilanes, en www.patrimoniogalego.net
baños de molgas