A APP
Poñemos á vosa disposición, unha ferramenta turística máis, atinada para as persaos que todas as semanas realizan andainas e rutas polo noso concello e tamén para quen nos visita por primeira vez.
Dispoñible para:
Mediante a realidade virtual, vai proporcionando información, detectando coa cámara do móbil as frechas que hai no percorrido e os paneis. No panel de inicio e no do mirador mediante unha audioguía virtual e nas frechas mediante texto virtual.
Co GPS acendido, a propia APP vai guiando a ruta para saber en que punto te atopas e dáche información se te achegas a un punto de interese dos que falamos máis abaixo.
A Ruta do Canón do Arnoia
É unha das principais rutas do noso concello e que atoparedes na APP. Poderedes visitar os muíños que hai entre Baños de Molgas e a aldea da Acea.
A ruta que vos ofrecemos é circular, de ida e volta, polo canón do Arnoia, dende a vila de Baños de Molgas á aldea da Acea, no límite con Xunqueira de Ambía, pola ladeira norte e noroeste do río e volta ao punto de partida pola ribeira contraria, ladeira Sur e Sueste.
Un percorrido pola natureza, pero tamén no tempo, que vós, ides descubrir!
Saíndo da Vila, percorre a ladeira norte e noroeste do río, por sendeiros que bordean terreos das aldeas das parroquias de Baños de Molgas, San Martiño deBetán, San Pedro de Ribeira e Ponte Ambía. Poderedes gozar de camiños que en tempos se percorrían para chegar aos muíños para moer e levar de volta a moenda. E se o desexades, contemplar o Muíño da Cova, o do Arturo, o do Marcial e o do Piepito, entrever as ruínas do muíño do Leovigildo e do Daniel. A medio camiño aconsellamos achegarvos ao Mirador da Ponte das Cepas, dende onde poderedes ver, a vista de paxaro, a ruta que estades a facer.
Unha vez que cheguedes á aldea da Acea, deberedes votar o andado pero pola outra ribeira. Antes de deixar esta aldea poderedes ver o seu muíño, beber da súa fonte e achegarvos, se vos vedes con forzas, ao Castro da Acea.
Xa en Fondodevila poderedes ver un muíño de regato, afastado do Arnoia, no Regato da Ambiela.
Seguindo a ruta, percorreredes os camiños das parroquias de Ambía e Baños deMolgas baixo a Serra de Ambía e o Monte Campelos de Presqueira. Atoparedes a ruta dos petróglifos de Santa Eufemia, núcleo moi aconsellable para visitar por ser Ben de Interese Cultural, baixaredes ao río para ver os Muíños do Valeriano e subiredes aos montes de Nocelo e Bouzas para voltar a ollar o canón antes debaixar cara a Vila.
No pobo de Bouzas poderedes seguir a ruta ou coller o atallo cara a estación de ferrocarril, reducindo un pouco o percorrido se xa resulta moi pesado. Se se decide continuar a ruta polo tramo máis longo, pode verse o Muíño do Dositeo e gozar do canón visto dende o río. Calquera das opción vos levará á Estación de Ferrocarril onde vos dará a benvida, virtualmente, ao seu museo, o humorista Moncho Borrajo e poderedes recobrar forzas na súa cantina.
Esta ruta ten 16 quilómetros, pero pode facerse a tramos dende os pobos que bordean a ruta, está todo sinalizado. É unha ruta dinámica, de forma, que segundo o que se queira ver, ou non, ou dende onde se comece e remate, pode ser distinta a súa perspectiva.
Ademais, antes de chegar ao muíño da Cova existe un desvío cara a Estación de ferrocarril, que fai de enlace cara a outra beira do río e que reduce o percorrido a 6,5km.
A altitude mínima é de 450 m. e a máxima de 577 m. , o desnivel en baixada é do 8% e do 7% en subida, aínda que existen pequenos tramos co máis do 40% dependente.
Gozade desta proposta novidosa. Disfrutade con calma do ruído do río e do silencio do resto do mundo. Estamos seguros de que repetiredes!