Localización. Almoite na parroquia de Santa María de Almoite. Tipo de monumento. Relixioso. De interese histórico, etnográfico, relixioso e arquitectónico. Datación. Indeterminada. Elementos da baixa idade media e posterior. Estética barroca. Descrición: O conxunto monumental da Igrexa de Almoite componse de: templo relixioso, viacrucis no muro que o arrodea, peto de ánimas e cruceiro na entrada principal. As obras de arte pódense clasificar dentro do estilo barroco. Representa un conxunto de elementos típicos da arquitectura relixiosa na Galiza que aquí podemos visualizar a un tempo. O cruceiro de pedra érguese ao pé das escaleiras da entrada principal. No fuste, de forma cilíndrica, dispóñense as imaxes de Adán e Eva e a serpe nunha alegoría da expulsión do Paraíso. Remata nun capitel e nunha cruz bifronte coas figura de Cristo e da Virxe. Garda gran similitude pola súa feitura e labrado, cun dos cruceiros mellor considerados en Galiza, como é o Cruceiro de Hío (Cangas do Morrazo). O viacrucis está formado por varias cruces ao longo do muro do adro da igrexa. O peto de ánimas está situado no muro do adro da igrexa parroquial de Almoite Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia.
Almoite na parroquia de Santa María de Almoite.
Localización. Monte Medo na parroquia de San Cibrao de Lama Má. Tipo de monumento. Mámoa, elemento megalítico anterior á época castrexa. De interese etnográfico, histórico e arquitectónico. Datación. Descoñecida. A cultura megalítica do Neolítico abrangue os milenios IV e III a.C.; mais na Galiza téñense datado mámoas anteriores ao milenio IV, como a chamada «Chousa Nova», no Concello de Silleda. Descrición. Atópanse dúas mámoas no mesmo espazo forestal, distanciadas uns 70 metros unha da outra. Son de perfil baixo e teñen un diámetro duns 20 a 25 metros. Considéranse cámaras funerarias semellantes aos dolmens. No interior é habitual que teñan paredes e teito formados por grandes pedras e laxas cubertas de terra. As mámoas teñen como característica que asemellan unha elevación sobre o terreo con forma circular, de aí o seu nome, mámoa: do latín, “mammula”, que significa “peito de muller”. Isto débese a unha metáfora do seu aspecto exterior. A súa datación varía e hai avances nas investigacións que fan cambiar a súa cronoloxía. Actualmente a maioría dos especialistas coinciden en datar estes monumentos como propios do Neolítico. Na Galiza as mámoas son monumentos megalíticos habituais e característicos do noroeste peninsular. Desta abundancia xorden varias denominacións: medorra, medoña ou […]
Monte Medo na parroquia de San Cibrao de Lama Má.
Localización. A Chaira. Parroquia de San Salvador de Molgas. Tipo de monumento. Monumento megalítico: Petróglifo. De interese arquitectónico, etnográfico e histórico. Datación. Idade de Bronce (II milenio a.C.). Descrición. Na “Chaira da Insuiña” ou “a Ansuiña”, hai tres petróglifos situados a uns cen metros un dos outros dous. A súa localización é doada por estaren nos arredores do campo de fútbol de Baños de Molgas. • Petróglifo 1, presenta unha forma de espiga ou planta, con talo e pólas rematadas en coviñas. • Petróglifos 2 e 3, están formados por un conxunto de coviñas, sen coñecer o seu significado; pero moi habitual neste termo municipal Catalogación. Inventario Municipal de bens patrimoniais.
A Chaira. Parroquia de San Salvador de Molgas.
Localización. Monte Comunal Lampaza. Parroquia de Santo Estevo de Ambia. Tipo de monumento. Monumento megalítico: Petróglifo. De interese arquitectónico, etnográfico e histórico. Datación. Idade de Bronce (II milenio a.C.). Descrición. Conxunto de petróglifos nas proximidades do río Arnoia. Denominados: • Lampaza III: Presenta varias coviñas distribuidas sobre un penedo de forma rectangular e non moi alto. • Lampaza IV: Conxunto de varias coviñas sobre un penedo de forma redondeada e agochado entre a vexetación Catalogación. Inventario Municipal de bens patrimoniais.
Localización. Parroquia de San Martiño de Betán. • Petróglifos. Monte Cubreiro ou Cobreiro. • Mámoas. A Seara, zona oeste do Monte Cubreiro. Tipo de monumento. De interese arquitectónico, histórico e etnográfico • Petróglifo. Monumento megalítico da Idade de Bronce (II milenio a.C.). Atopamos en diferentes zonas do monte ata catro petróglifos con sinais, probablemente de diferentes épocas e intención: coviñas, formas xeométricas irregulares • Mámoa. Monumento megalítico do Neolítico (IV e III milenios a.C.). Na zona denominada A Seara atopamos ata dez mámoas nunha orientación aproximada Norte – sur . Datación. Idade de Bronce (II milenio a.C.). Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia
Parroquia de San Martiño de Betán.
Localización. Monte Medo. Parroquia de San Xoán de Vide. Tipo de monumento. Relixioso. De interese: arquitectónico, histórico-artístico, relixioso, etnográfico e paisaxístico. Datación. Inicio e finalización da construción actual: 1731-1768. Anteriores construcións relixiosas: século IX e século XV. Descrición O Monte Medo sitúase no medio dunha chaira ao pé da Serra de San Mamede. O santuario é de estilo barroco-neoclásico e está arrodeado dun muro sobre o que se abren catro portas de acceso ao recinto. A fachada semella un retablo pétreo xigante, como avance en pequeno da fachada do Obradoiro na Catedral de Santiago de Compostela (sete anos antes que o de Compostela), coa súa balconada e altar, prevista para celebracións multitudinarias. No exterior do recinto atópanse sete capelas do viacrucis equidistantes entre si, e na parte traseira atópase A Carballa dos Milagres, xunto á Fonte da Virxe, lugar onde se cre que se situaba a primeira ermida adicada á Santa ou á Virxe durante o século IX. Se entramos no recinto dende a porta traseira, atopámonos cos restos da lanterna do anterior templo, tamén barroco do século XVII e, cara á parte dianteira por este mesmo lateral do templo, vemos o Cruceiro da Piedade, con orixe no século XVI […]
Monte Medo. Parroquia de San Xoán de Vide.
Localización. Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas. Tipo de monumento. Fonte termal. De interese histórico, etnográfico, turismo termal e arquitectónico. Datación. Época moderna, século XIX. Descrición A Burga de Baños de Molgas é unha fonte termal. Foron os romanos os primeiros en construír baños para gozar destas augas, que as denominaban «Adaquas salientes» (augas brincadeiras). As súas augas brotan a unha temperatura de entre 28º e 49º. O seu uso está especialmente indicado para tratamentos da reuma, artrite e gota. A actual fonte foi construída en cantaría de granito en 1896. Presenta un muro triangular a modo de frontón no que se sitúa a baixa altura o cano, polo que transcorre a auga antes de caer nunha pía cuadrangular. Despois da fonte, hai dous píos de pedra, protexidos cunha cuberta con estrutura metálica e tellado de vidro, probablemente, para poder tomar as augas con calquera condición climatolóxica, e tamén, no primeiro dos píos, para poder lavar. A fonte atópase entre o Balneario de Molgas e a Ponte Vella, a beira do río Arnoia. Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia
Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas.
Localización. Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas. Tipo de monumento. Construción civil de propiedade particular e uso empresarial. Datación. Século XIX. Descrición As propiedades das augas de Molgas son coñecidas dende a época da romanización. En todos os tratados das augas minerais da idade moderna figura a vila de Baños de Molgas como un dos balnearios termais máis coñecidas de toda España. As súas fontes e mananciais foron declaradas de utilidade pública en 1873 e este feito deu pé á construción do Balneario a finais do século XIX. Posteriormente, no século XX, remodelouse e adaptouse ás novas necesidades e usos. É un edificio de catro andares feito en cantaría de granito. Dentro do edificio o manancial principal é coñecido como: a Fonte Quente. As augas do balneario son radioactivas, bicarbonatadas, sódicas, silicatadas e oligometálicas e a auga brota a unha temperatura de 49º C. Os servizos que ofrece o Balneario de Baños de Molgas son: aerosois, baños de hidromasaxe, baños de chorros, ducha nasal e ducha circular. Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia
Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas.
Localización. A Acea, Outeiro do Castro na Parroquia de Santo Estevo de Ambía. Tipo de monumento. Monumento residencial e defensivo. De interese histórico, paisaxístico, etnográfico. Datación. Indeterminada. Idade do Ferro: 1000 a 500 a.C. Descrición Trátase dun xacemento castrexo de forma elíptica (190 x 150 m.), que está emprazado nun outeiro cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia. Na superficie atopáronse anacos cerámicos de cor escura. A súa parte superior, chamada coroa, é aplanada e presenta tres diferentes niveis de altura, que se corresponden normalmente con diferentes usos de actividade humana, ademais da función común, a defensiva. A coroa superior está protexida por unha muralla de pedra miúda cunha altura de cinco metros no punto máis alto e rodeada por un noiro. Polo sur soamente se poden observar un noiro e un foxo. Os camiños próximos están feitos con paredes de pedras con perpiaños moi traballados, impropios dunha zona afastada das zonas habitadas, polo que se supón que son pedras reaproveitadas do castro. Pola zona atópanse varios petróglifos de tipoloxía abstracta: coviñas. Case no centro ten unha marca de termo formada por un triángulo cunha pequena pía interior. Como curiosidade cabe sinalar que é marca divisoria entre […]
A Acea, Outeiro do Castro na Parroquia de Santo Estevo de Ambía.
Localización. Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas. Tipo de monumento. Infraestructura viaria. De interese arquitectónico e histórico. Datación. Época Romana, século II d.C. Descrición A Ponte Vella de Molgas foi construida probablemente no século II. Formaba parte das vías secundarias da chamada VÍA NOVA XVIII, que atravesaba as terras de Baños de Molgas. Esta vía romana mandouna construir o emperador Tito Flavio, no século I d.C. A Ponte Vella uniría o trazado da VÍA NOVA ca Sede Auriensis (actual cidade de Ourense). No intinerario de Antonino, pola VÍA NOVA XVIII, realizado no século III, Baños de Molgas aparece mencionado como Salientibus onde identifica un posto de correos da administración do imperio chamados cursus publicus. O que dá a entender da relevancia de Baños de Molgas como encrucillada de camiños para as infraestructuras do Baixo Imperio Romano. En canto á súa arquitectura, conta cun único arco con 10,76 metros de luz con tendencia circular e bóveda abucinada. Da época romana pódese apreciar, nas bases deste, o almofadado. Foi reformada no século XIV e no XX. Catalogación. Inventario de bens patrimoniais. Xunta de Galicia.
Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas.
Localización. Betán na Parroquia de San Martiño de Betán. Tipo de monumento. Igrexa de orixe alto-medieval e estilos románico e barroco. De interese arquitectónico-artístico, etnográfico e histórico. Datación. Época alto-medieval. Primeiros do século XIII. Descrición Igrexa de estilo románico, de primeiros do século XIII, reformada no século XVIII con estilo barroco. Planta rectangular con muros de pedra granítica ben labrada e contrafortes nos laterais. No exterior atopamos canzorros nas cornixas laterais. A fachada principal, presenta cornixa en arco e remate con pináculos nas esquinas, sobre ela está a espadana, feita dun corpo e con remate en pirámide coroada con cruz de pedra. Porta de acceso con arco de medio punto e frontal con lintel románico. Contén un escudo de pedra labrado no seu interior onde se observa unha cruz “paté” que divide o espazo en catro partes; en cada unha vese a figura dun animal. Os elementos románicos que podemos observar son: o lintel da entrada e quince canzorros no aleiro e tamén o que se ve na ventá do remate da espadana. Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia.
Betán na Parroquia de San Martiño de Betán.
Atópanse nunha chaira entre os pobos de Bouzas e Presqueira. Os petróglifos teñen formas concéntricas e serpentiformes. Sobre a pedra na que se atopan a maior partes destos podemos ver un cruceiro co Anxo da Agonía e a figura de Cristo crucificado e, a poucos metros, una pequeña capela barroca do século XVIII, que se intúen como un feito que convertiría a zona en sagrada. Polo outro lado da estrada, a uns 50 metros, encontramos outros dou círculos concéntricos. Crese que na zona podería haber máis pero de aquí fíxose a estracción da pedra para facer o Santuario de Os Milagros do século XVIII. Atópanse en mal estado porque non posúen ningún tipo de protección cara os fenómenos naturais, así coma o desgaste ocasionado polo home.
San Vitoiro de Presqueira