Localización. Parroquia de San Salvador de Baños de Molgas.
Tipo de monumento. Fonte termal. De interese histórico, etnográfico, turismo termal e arquitectónico.
Datación. Época moderna, século XIX.
Descrición
A Burga de Baños de Molgas é unha fonte termal. Foron os romanos os primeiros en construír baños
para gozar destas augas, que as denominaban «Adaquas salientes» (augas brincadeiras).
As súas augas brotan a unha temperatura de entre 28º e 49º. O seu uso está especialmente indicado para tratamentos da reuma, artrite e gota.
A actual fonte foi construída en cantaría de granito en 1896. Presenta un muro triangular a modo de frontón no que se sitúa a baixa altura o cano, polo que transcorre a auga antes de caer nunha pía cuadrangular. Despois da fonte, hai dous píos de pedra, protexidos cunha cuberta con estrutura metálica e tellado de vidro, probablemente, para poder tomar as augas con calquera condición climatolóxica, e tamén, no primeiro dos píos, para poder lavar.
A fonte atópase entre o Balneario de Molgas e a Ponte Vella, a beira do río Arnoia.
Catalogación. Inventario de bens patrimoniais, Xunta de Galicia